Un videoxogo para o iPhone feito en Galicia

Imprimir

 
A empresa lucense Small Wonders desenvolve Battle of Puppets para os dispositivos Apple.
 
Os afeccionados aos videoxogos e usuarios do iPhone de Apple teñen desde esta semana unha oportunidade de engancharse a un novo xogo de estratexias, Battle of Puppets, no que o xogador ten que conquistar un teatro rival.

As expectativas xeradas en Internet por expertos e afeccionados ao redor deste novo proxecto son bastante altas, a pesar de que só leva un día activo na tenda virtual de Apple. Pero para a afección galega, o atractivo é dobre: o xogo foi creado por unha nova empresa lucense, Small Wonders, nacida o pasado xuño e cuxo primeiro proxecto acaba de saír á luz.

A firma está formada por varias persoas con experiencia en distintas ramas das novas tecnoloxías, pero que ademais son afeccionadas aos videoxogos. Small Wonders naceu para crear Battle of Puppets, pero tamén se pode dicir que o que primeiro naceu foi a idea do xogo «e para polo en marcha creamos a empresa», explica Juan Araujo, produtor de Small Wonders.

Tras cinco meses de desenvolvemento, período no que traballaron moito no deseño do xogo, a ambientación, o concepto ou a música, Battle of Puppets quedou listo en decembro, ideado para a plataforma de Apple. E unha vez o fabricante do iPhone deu o seu visto e prace, o xogo está activo na Apple Store desde este xoves. Agora, os seus creadores esperan analizar o seu impacto entre os xogadores, antes de decidir se o adaptan a outros formatos, como o Android, ou ata o do novo dispositivo de Apple, iPad. Tamén traballan xa no seu segundo proxecto.

De momento, o xogo está dispoñible para os iPhone de todo o mundo, traducido ao español, inglés, portugués, italiano, alemán e francés, lista na que pronto se incluirá o xaponés. ¿E o galego? «Ao ser un idioma que non está implementado no iPhone, como ocorre co catalán ou o vasco, era imposible a súa adaptación a estas linguas», explican desde a firma.
 
Fonte: La Voz de Galicia