Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

O proxecto da SITE establece tres liñas de acción complementarias co fin de cumprir os obxectivos propostos.

Ciclos de Formación

Cada programa de actividades anual deseñado pola SITE contempla a organización dunha serie de cursos, que, cunha orientación práctica, atinxen dende a instalación da tecnoloxía básica nas empresas ata os conceptos estratéxicos e comerciais necesarios para implantar solucións de traballo en rede dentro da estrutura empresarial. Así, tense falado de software libre, administración electrónica, loxística e xestión de flotas ou do móbil como ferramenta de mercadotecnia, por exemplo.

Demostracións de Novas Tecnoloxías

Dentro das accións programadas pola Sala, tamén son habituais as demostracións periódicas de equipos, ferramentas e servizos complementarios á formación e necesarios para que cada empresa adapte as solucións xenéricas á súa propia realidade: firewalls, videoconferencia, datáfonos IP, redes virtuais, redes móbiles, voz IP, etc. A través dalgunhas destas exposicións presentáronse o software para xoiería Xoias, a externalización de servizos telefónicos e novas ferramentas bancarias on-line.

Centro de Demostración

A SITE posúe un centro de demostración no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo (O Palomar s/n, 27004 Lugo), que é o espazo no que se desenvolven tantos os ciclos de formación coma as demostracións das novas tecnoloxías e que tamén serve como centro de asesoramento para os empresarios que desexen solucionar dúbidas sobre o uso das TIC nos seus negocios.

Mostra de Innovación Tecnolóxica Empresarial MIT

Dentro das actividades organizadas pola SITE destacan as dúas edicións da MOSTRA DE INNOVACIÓN TECNOLÓXICA DE LUGO, MIT, proxecto que nace co fin de potenciar a introdución das TIC no ámbito empresarial, dedicándose a última edición ao sector do pequeno comercio, ofrecendo un espazo físico, a través de stands, no que as distintas empresas mostran os últimos avances en contidos e servizos ofertados na actualidade, e a organización de relatorios nos que se afonda sobre cuestións relativas ás novas tecnoloxías e a súa aplicación á empresa.