As TIC melloran a produtividade das empresas da Eurorrexión

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 
As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) contribúen á eficacia da comunicación interna das empresas e, en consecuencia, favorecen decisivamente á dispoñibilidade de información, á estratexia e á axilidade na toma de decisións. Ademais, as TIC contribúen notablemente a elevar a calidade e a imaxe organizativa, así como a optimizar a xestión do tempo.

Estas son os principais resultados da tese de doutoramento "O impacto da utilización das novas tecnoloxías na comunicación interna das organizacións- A súa incidencia na Eurorrexión norte de Portugal-Galicia", da autoría de Jorge Remondes e dirixida polo profesor Fernando Ramos. O estudo analiza unha mostra de 173 empresas da zona dos sectores servizos, comercio e industria.

Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, A investigación, cualificada por unanimidade con sobresaliente cum laude, pon tamén de manifesto que o uso das TIC exerce unha influencia positiva na produtividade, cando esta se asocia coa intensidade de comunicación máis evolucionada e coa modernización da estrutura organizativa. "As TIC contribúen a aumentar a produtividade dos colaboradores, podéndose afirmar que existe unha relación directa entre a produtividade do traballo nas empresas e un conxunto de factores asociados á interacción e ao uso de tecnoloxía e de sistemas de información", destaca o autor. No caso concreto das PEME que desenvolven a súa actividade na eurorrexión, Remondes conclúe que "tenden a utilizar de forma crecente as TIC para crear, comunicar, organizar e almacenar información". Isto demostra, segundo o autor, "a competitividade das empresas da Euro-rexión, posto que as TIC desempeñan un papel central na optimización do seu funcionamento interno". Con todo, malia á liberalización crecente das telecomunicacións e á existencia dunha infraestrutura TIC que non esixe investimentos moi elevados, o autor considera que aínda hai carencias. "Aínda se rexistran varias empresas que non gozan na súa plenitude dos beneficios proporcionados polas TIC en comunicación interna, debido principalmente aos custes de investimento e ás modificacións organizativas esixidas para a súa adopción", salienta.

Potencialidade da Web 2.0

Jorge Remondes partiu da hipótese de que existe unha correlación positiva entre a utilización das TIC e a eficacia da comunicación interna das organizacións. Asegura que cos resultados da súa investigación "non quedan dúbidas de que isto sexa así, como recoñecen todas as empresas que as utilizan". Cita como as ferramentas máis empregadas o correo electrónicos, os portais e as formas de comunicación interactiva máis novidosas. Non obstante, sinala que aínda existen algunhas que non lle sacan todo o partido posible aos recursos tecnolóxicos dispoñibles. Neste sentido alude ás tendencias rexistradas no seu estudo, con bases ás que se pode prever un uso cada vez maior e apunta á potencialidade das redes sociais nese camiño. "Pode preverse que as ferramentas da Web 2.0, como a mensaxería instantánea, os blogs ou outras aplicacións semellantes, que posibilitan unha comunicación máis interactiva, rexistren no futuro nas PEMES da rexión estudada unha utilización superior á actual", indica. Para isto, proponlles ás empresas "incrementar o número de colaboradores con acceso a Internet, ter máis información dispoñible e diversificar o seu equipamento".

Documentación e metodoloxía

Jorge Remondes comenta que a súa investigación se completa cun capítulo previo de documentación sobre o marco teórico existente en torno a esta temática, para o que consultou máis de 400 fontes e 368 autores diferentes. En canto á escolla do tema sinala que sempre utilizou a tecnoloxía como xestor, consultor, formador e profesor e que iso lle permitiu verificar a resistencia dalgunhas persoas á innovación. "Isto sorprendeume, pois para min os beneficios da utilización das novas tecnoloxías son relevantes e por iso decidín investigar o seu uso no sector empresarial", engade ao respecto.

Con relación á metodoloxía empregou a entrevista directa con directivos, o envío de cuestionarios por correo electrónico ao persoal interno e a confección dunha páxina que permitía encher o cuestionario en liña. Esta última ferramenta compatibilizouse coa aplicación de técnicas estatísticas a través do software Statistical Package for the Social Science (SPSS) co obxectivo de automatizar a obtención de resultados.
 
Fonte: www.emprendia.es