Iniciador Galicia pecha tempada en Ourense este xoves

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 
O vindeiro xoves ás 19:00 horas péchase o actual curso de Iniciador Galicia cun encontro no Edificio Politécnico da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense que contará con tres convidados que darán conta das súas experiencias de emprendimento no estranxeiro.
 
Falamos concretamente de Abraham Sergio Martínez Rodríguez, ex arquitecto de software para o buscador de vídeos na Internet Blinkx e actualmente involucrado no proxecto Estudio 256, no que coincide con Paulo Rodríguez, ex director de Informática de Xornal de Galicia e ex enxeñeiro de soporte para Symantec; completando o cadro de relatores Carlos Sánchez, arquitecto de solucións en G2iX e membro da Apache Software Foundation e da The Eclipse Foundation.

Os mencionados profesionais conversarán sobre as diferenzas de emprender nos principais polos de innovación coma son Irlanda e EE.UU., fronte ás dificultades e oportunidades que podemos atopar en Galicia, onde están procurando facerse cun espazo de seu na actualidade.

Coma vén a ser habitual neste tipo de eventos, son de carácter gratuíto, están abertos á participación do público e tras o relatorio máis formal os asistentes xuntaranse nun local de hostelería próximo para compartir pareceres e experiencias. A participación nesta nova edición de Iniciador Galicia que leva coma título O Retorno do Talento Tecnolóxico pode confirmarse a través de Facebook.
 
Fonte: Código Cero