Axenda Dixital 2014.gal

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que a Axenda Dixital 2014.gal suporá incrementar o peso do sector das TIC no PIB de Galicia do 4,8 ao 6%, mobilizando 1.600 millóns de euros ata 2014 e creando 12.000 postos de traballo. “As cifras son moi claras e tamén moi ambiciosas, crear 12.000 empregos en Galicia ata 2014, aumentar en 1.300 millóns a actividade económica neste sector, e incrementar en 1,2 puntos o peso do sector no PIB”, salientou o titular do Goberno tras a reunión do Consello da Xunta, na que se autorizou esta Axenda na que converxen todas as estratexias da Administración autonómica en materia de tecnoloxía.

“O obxectivo é universalizar o acceso das persoas, as empresas e as administracións ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación, e que o sector TIC actúe como panca para saír da crise”, resumiu Feijóo, explicando que dos 1.600 millóns de euros que mobilizará esta Axenda, 900 serán achegados pola Xunta e 700 polo sector privado.

Liñas estratéxicas e obxectivos

O presidente galego destacou que o Goberno leva traballando desde o inicio da lexislatura en distintas estratexias concretas no ámbito das TIC: “Non podíamos parar durante un ano para pensar. O que tíñamos claro o implementamos e, ao mesmo tempo, deseñamos esta planificación”. Así, Feijóo sinalou o Plan de banda larga, o de Modernización da Administración, a e-Administración en colaboración con concellos e deputacións, e o Plan Senda da Xustiza.

Núñez Feijóo explicou que a Axenda Dixital de Galicia responde ao obxectivo do Plan estratéxico de multiplicar por catro os recursos dedicados á Sociedade do Coñecemento e sinalou as súas cinco liñas estratéxicas: a competencia dixital de cidades e empresas como unha das bases para a creación de emprego, o cambio profundo no modelo produtivo das nosas empresas, a modernización da Administración para facela máis eficiente, eficaz e próxima, a conversión do sector das TIC nun sector estratéxico de futuro, e a iniciativa da Xunta para actuar como un motor no ámbito das TIC.

O presidente galego sinalou, no transcurso da súa comparecencia, algúns dos obxectivos concretos desta Axenda Dixital. Así, explicou que en 2014 todos os expedientes administrativos da Xunta deberán poder tramitarse por internet e que os traballadores públicos terán que manter competencias dixitais para conseguir unha verdadeira administración electrónica. “Acceso a internet para o 100% da poboación a través de diferentes sistemas xa sexa fibra ou satélite, e unha factoría de emprendedores TIC na que unifiquen os esforzos os investigadores, os usuarios, as empresas e a administración”, sinalou como outros dos obxectivos da Axenda Dixital.

“Imos actuar todos xuntos para que Galicia sexa un sitio no que investir en materia de TIC e que o primeiro consumidor sexa a Administración autonómica”, concluíu Feijóo.
 
Fonte: Xunta de Galicia