Aberta a inscrición á primeira xornada do Proxecto EmprendeTIC 2010

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 
A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) deseñou un programa formativo e demostrativo especializado en novas tecnoloxías para emprendedores e empresarios, o Proxecto EmprendeTIC 2010, que é unha continuación do EmprendeTIC 2009 e que se estreará este xoves 24 coa xornada “Tecnoloxía: Ferramenta para a integración”, coorganizada con Cogami. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata a tarde do día 23.

Daranse a coñecer os produtos e servizos tecnolóxicos de apoio existentes no mercado que poden levarse á empresa e ao fogar e para o lecer e os que parten da Administración, e que permiten que as persoas con discapacidade logren unha maior accesibilidade.

Haberá relatorios que nos achegarán información sobre a introdución das TIC neste colectivo, as iniciativas de integración laboral ou os incentivos públicos para a implantación de medidas que permitan superar barreiras. Teremos con nós, por exemplo, a Enrique Varela Couceiro, presidente da Fundación Tecnoloxía Social e impulsor do proxecto O Camiño dos Satélites; a Gil Barrero Llano, xerente da empresa especializada en solucións integrais para persoas con discapacidade Sistemas Avanzados para Mobilidade e Independencia e delegado na zona noroeste de BJ Adaptaciones; e aos responsables dos proxectos INTIC e Inredis das fundacións Orange e Vodafone, respectivamente. Ademais, faranse demostracións en equipos informáticos adaptados.

A xornada terá lugar no salón de actos da facultade de Humanidades do campus de Lugo das 9:20 ás 17:20 horas.

Modo de inscrición

A inscrición, que é gratuíta, pode efectuarse directamente a través da páxina web do proxecto, www.emprendetic2010.com, ou ben descargando o formulario, dispoñible tamén neste portal, e enviándoo por fax ao 982 284 922. Quen queira obter máis información pode chamar ao 982 284 150.