A perspectiva socioeconómica de Lugo en Cifras 2009
Como é tradición dende o 2005, sae á luz un novo volume da colección de anuarios “Lugo en cifras”, o correspondente ao 2009, que nos dá uns indicadores socioeconómicos e demográficos que reflicten os efectos da crise pero que tamén permiten albiscar un horizonte esperanzador. Os resultados desta quinta edición da publicación e a súa comparativa cos datos do 2010 dispoñibles a día de hoxe e actualizados na súa web www.lugoencifras.es foron presentados publicamente polo director comercial de Caixanova en Galicia, Gabriel González Eiroa, e polo presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla.
Caixanova vén contribuíndo á elaboración e ao lanzamento de cada número de “Lugo en cifras” a través dun protocolo de colaboración cuxa firma de renovación deu comezo ao acto. A continuación, Santalla expuxo algunhas conclusións das estadísticas recompiladas na edición impresa (pechada o 16 de marzo do 2010), referidas sobre todo á provincia de Lugo, procedentes dunha trintena de fontes oficiais especializadas, como o INE, o IGE, o Instituto Enerxético de Galicia, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral ou o Fondo Galego de Garantía Agraria, e ampliadas nesta ocasión coa introdución dun apartado máis completo sobre o sector primario e con información sobre a regulación de emprego.
Houbo cifras negativas debido ao descenso do número de sociedades limitadas constituídas e de sociedades mercantís creadas, ao aumento do paro, ao incremento dos expedientes de regulación de emprego ou ao peche de explotacións gandeiras, por exemplo. Non obstante, destacan algunhas boas noticias, como a alza do valor das exportacións e das importacións, a evolución da superficie destinada a agricultura ecolóxica ou a suba das certificacións en calidade e ambientais das empresas, o que deixa ver o esforzo que están facendo as empresas para afrontar a crise.
Estos números manexados poden compararse cos máis recentes na edición dixital da publicación, que é a única posta en marcha de momento neste proxecto galego que respalda o Instituto de Desenvolvemento de Caixanova nas catro provincias e que en Lugo realiza a nosa entidade.



