Toupa.net: distribuidores on-line da cultura galega

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 
A Fundación CEL acolleu a presentación oficial dun proxecto novidoso en Galicia e na Rede, de nome Toupa.net, que nace da man de Lonxa Cultural como a primeira distribuidora que reúne nunha única plataforma web produtos culturais galegos de todos os ámbitos (libros, música, banda deseñada, audiovisual…) e que ademais o fai como espazo de venda creado nas claves de Internet, especificamente como comercio on-line B2C, pero tamén como plataforma B2B. Sergio Lago, que foi emprendedor no viveiro de empresas da Fundación por dúas veces, co selo discográfico Falcatruada e coa distribuidora Lonxa Cultural, e que agora afronta este terceiro proxecto innovador, achegouse ata Lugo para explicarnos o funcionamento e os servizos de Toupa.net acompañado por Txiki Calvo, xefe de produto e responsable de contidos, nun acto conducido polo presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla.
 
Atendendo ao lema Cultura para levar, Toupa.net lánzase traballando nestas liñas: venda ao cliente final, servizos a pequenas tendas con tarifas especiais para minoristas e servizos a bibliotecas, centros educativos e institucións que requiren fondos que resultan difíciles de atopar xuntos nun único espazo.
E isto é só o principio, porque acaba de botar a andar e xa participa dunha iniciativa editorial nova no mercado, Módicos, como punto de venda de libros de calidade a prezos axeitados e coa novidade de estar impresos baixo demanda, segundo os pedidos dos lectores na tenda web. Estas e outras primicias en lanzamentos de produtos e ofertas exclusivas terán difusión a través dos espazos propios que ten Toupa.net nas redes sociais Twitter e Facebook, así como no blog Toupablog.net e no seu boletín electrónico de novas.

Mercar nesta tenda virtual

Os navegantes encontraranse nesta web cun amplo catálogo para público adulto e infantil e unicamente deberán rexistrarse para mercar, mediante distintas opcións de pago, con garantías no pedido e na compra, con prazos de recepción establecidos en función da dispoñibilidade do produto indicada na súa ficha correspondente e do tempo de entrega do servizo loxístico e coa posibilidade de efectuar devolucións.