A Xunta aproba os primeiros 5,7 millóns para a banda larga en Lugo

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 

O Goberno galego aprobou un convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Axencia Galega de Desenvolvemento (Agader) para a extensión de redes fixas e sen fíos de conexión a internet en 22 concellos da Ribeira Sacra, A Ulloa, Sarria e comarca de Lugo, así como seis na provincia de Ourense.

 
En rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o «esforzo» no rural que supón este acordo, que estará dotado con 5,7 millóns de euros, pois, segundo dixo, «é onde se fai máis necesario».

Esta medida, que se enmarca no Plan Director de Banda Larga 2010-2013, achegará 4,1 millóns ao despregamento de fibra óptica e redes de acceso de banda larga nos núcleos con alta demanda non satisfeita.

Así mesmo, dedicarase unha partida de 950.000 euros á actuación do plan director dedicada ao despregamento de redes sen fíos de banda ancha.

Ademais, dedicaranse 644.740 euros á extensión da banda larga en núcleos de máis de 100 habitantes, para o que se tramitará unha convocatoria pública de subvencións para seleccionar un ou máis operadores privados de telecomunicacións.

Desta maneira, o presidente da Xunta subliñou que con esta iniciativa «trabállase para fomentar a cohesión territorial, reducir desigualdades sociais e eliminar barreiras a competitividade».

MUNICIPIOS

Os municipios incluídos neste plan autonómico son os de Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Quiroga, Ribas de Sil, Chantada, Taboada, Carballedo, Bóveda, Monterroso, Palas de Rei, Antas de Ulla, Sarria, Láncara, Paradela, O Páramo, O Corgo, Friol, Guntín e O Corgo.

O plan implicará un investimento global de 10,7 millóns de euros antes de que finalice o ano 2013, dos que 3,4 son para redes fixas; 5,6 a inalámbricas e 1,6 a redes de nova xeración que permitirá acceder a internet cunha velocidade de 100 Mbps en Monforte, Chantada ou Sarria.

PORCENTAXES

Na actualidade, un 45,6 por cento dos habitantes da provincia de Lugo carecen de acceso de calidade á rede. É a provincia galega na que a porcentaxe de persoas sen acceso a internet é superior, seguida por Ourense, cun 41,2%; A Coruña, cun 24,5% e Pontevedra, cun 21,7%.

Por núcleos de poboación, Lugo segue á cabeza das provincias con máis dificultades de acceso á banda larga, rexistrándose estas dificultades nun 76 por cento; seguida por Ourense, co 69,5 por cento; A Coruña, co 48,5 por cento e Pontevedra, co 29,8 por cento.

O obxectivo do plan é cambiar a actual situación de desigualdade social no acceso á banda larga e contribuír ao aproveitamento das tecnoloxías da información e a comunicación como motor para a dinamización e competitividade empresarial, así como a modernización dos servizos públicos.

PROCESO

O proceso de desenvolvemento de infraestruturas permitirá o acceso aos servizos avanzados da sociedade da información de cidadáns e empresas de todo o territorio galego, nalgúns casos, xa a finais do presente exercicio, segundo as previsións de execución do plan.

En primeiro lugar realizaranse actuacións que contribúan á vertebración territorial, co despregamento de redes fixas, que achegarán a banda ancha a máis de 170 núcleos de máis de 100 habitantes, parques empresariais e polígonos industriais con deficiencias. Esta parte do plan cubrirá a 100.000 persoas.

Tamén se procederá á extensión da rede inalámbrica para preto de 9.000 núcleos e que equivalen a 400.000 habitantes en toda Galicia.

UNIVERSALIZACIÓN

Outra liña de actuación é a universalización do servizo, que dotará de cobertura a outras 143.000 persoas que viven en zonas que pola súa dispersión ou xeolocalización non fosen incluídas nas actuacións anteriores.

O denominador común de todas estas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade. En xeral, o despregamento das infraestruturas de telecomunicación permitirá cambiar a situación actual de Galicia, na que un total de 786.000 galegos (o 30% da poboación total), preto de 35.000 empresas e 589 entidades de poboación non teñen acceso á banda ancha.

Fonte: El Progreso