Novas axudas para a innovación tecnolóxica no rural

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 

O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño publicou esta semana no Boletín Oficial do Estado (BOE) unha resolución pola que se convocan axudas por un importe total dun millón de euros destinadas á innovación tecnolóxica no medio rural, para o exercicio 2010, informou o Ministerio.

 

 As subvencións outorgaranse para actividades desenvolvidas dende o 1 de xaneiro até o 15 de novembro de 2010, e destinaranse para os gastos correspondentes a redes e aulas telemáticas con aplicación das tecnoloxías da información, así como programas informáticos para a aplicación didáctica e divulgativa no medio rural, incluída a aplicación de tecnoloxía de banda ancha.


Tamén serán subvencionábeis os gastos de deseño, desenvolvemento e xestión, tanto de aplicacións e plataformas tecnolóxicas que faciliten o traballo en rede, a formación e o tele traballo, como os de ferramentas informáticas e novas tecnoloxías en xeral, destinadas á sistematización da toma de datos socioeconómicos e técnicos para a súa posterior análise, tratamento e divulgación, de maneira que se facilite á sociedade o coñecemento da realidade do medio rural.

A contía individual da axuda non poderá superar o 80 por cento do importe subvencionable da actividade a realizar en cada exercicio, sen superar, por beneficiario o 25 por cento da dotación anual dispoñible.

Os beneficiarios destas axudas serán as organizacións profesionais agrarias de carácter xeral, organizacións sindicais representativas e organizacións que representen a colectivos con dificultades de inserción que estean vinculadas ao medio rural, así como entidades constituídas en Redes de Desenvolvemento Rural.

Ademais, inclúense as federacións de comunidades de regantes e entidades relacionadas coa conservación da natureza, o fomento da produción ecolóxica e o desenvolvemento sostible do medio rural.
 
Fonte: A Nosa Terra