A firma galega SocialWire Labs comercializa redes sociais para a docencia
As redes están ben, pero estarían mellor se a información que ofrecen algúns dos seus servizos fose máis específica e máis directa. Ou sexa: se estes servizos lle desen máis importancia ao gran cá palla. Isto que é aplicable a cousas como Google, onde algunhas buscas son practicamente imposibles (dada a cantidade de lixo que se ofrece), tamén é extensible ao caso de redes sociais como Facebook ou Twitter. A solución a isto pasa por achegar unha alternativa que teña menos ruído. Esta é a opinión do profesor José Carlos López Ardao, membro do Laboratorio de Redes do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, quen segundo se conta na web da institución galega ten tras de si unha ampla experiencia na aplicación das vantaxes das ditas redes sociais (que as teñen) para a procura dunha comunidade 2.0 educativa.
Deste xeito, e ao abeiro deste labor, xurdiu en decembro de 2009 a spin-off SocialWire Labs da man de cinco profesores da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e un antigo alumno. Ao longo deste breve lapso de tempo (apenas catro meses), a iniciativa xa comezou a dar os seus froitos, establecéndose comunicación directa con empresas e diversos colectivos como Tórculo, TVG, Formega, a Asociación Galega de Editores, a Escola de Negocios Caixanova ou a Rede Otri de universidades españolas.
O obxectivo, conta na súa web a Universidade, é achegar a universidades, institutos, escolas ou academias unha rede social educativa á medida das súas necesidades e “que reúna as posibilidades das redes sociais xeneralistas coa especificidade do seu uso para a docencia”. Segundo engade o profesor Carlos López, arestora as plataformas como moodle son de uso común en todas as universidades, pero son ríxidas de máis, “teñen moitas carencias no que se refire ás relacións sociais, dificultades para crear grupos e relacionarse entre eles". Por este motivo a vantaxe desta nova plataforma, que aínda non ten nome, é a de unir redes sociais e plataformas de docencia clásicas, “permite a mestura dos dous modelos”.
Fonte: Código Cero



