O sinal dixital será o único que se reciba en Galicia dende o 2 de abril
O proceso de conversión iniciouse en case 120 municipios das provincias de Pontevedra e Lugo
O apagado analóxico xa ten calendario definitivo. Despois de barallarse varias datas, o sinal dixital será o único que se vexa en Galicia dende o próximo 2 de abril. O Venres Santo finalizará un proceso que se iniciou o pasado mes de febreiro e co que se está levando, de maneira progresiva, a TDT a todos os municipios galegos.
Comezou o segundo grande apagado analóxico na comunidade, -tecnicamente denomínase terceiro, a pesar de que os dous previstos inicialmente uníronse nun-, un proceso que afectará fundamentalmente a municipios das provincias de Lugo e Pontevedra e seis da Coruña, situados na zona do Barbanza.
A diferenza do anterior, os apagados serán máis prolongados no tempo, pero realizaranse un só día da semana. O primeiro levarase a cabo o día 10. Cinco días despois terá lugar o segundo. O 22 e 23 de marzo son os designados para a terceira semana, e o día 2 de abril completarase todo o proceso.
Están incluídos nesta fase un total de 119 municipios. Cincuenta e oito son da provincia de Lugo, 55 de Pontevedra e só seis (Ribeira, A Pobra, Rianxo, Boiro e Dodro), na da Coruña, segundo os datos da Secretaria Xeral de Medios da Xunta.
O apagado nesta fase afectará a 980.000 residentes na provincia de Pontevedra e a uns 300.000 da de Lugo, máis extensa pero menos poboada que a primeira. A forma de levar a cabo esta conversión será moi parecida á da primeira fase. O apagado comezará nas zonas rurais para finalizar nos grandes núcleos de poboación, onde se atopan os repetidores máis importantes. Así, o sinal analóxico poderase seguir recibindo nas cidades de Pontevedra, Vigo e Lugo ata o próximo 2 de abril.
Semana Santa
Fontes da Xunta mostraron a súa preocupación pola data elixida polo Goberno central para finalizar este proceso, que coincide co Venres Santo. Esta festividade, unida ao fin de semana, dificultará liquidar os problemas que xurdan neste último día de apagado analóxico. Outras das datas impostas no calendario desta segunda fase son a do 22 e 23 de marzo, nas que finaliza o contrato que teñen as televisións privadas con Hispasat para distribuír o sinal analóxico, un acordo que xa non están dispostas a renovar.
O coñecemento sobre este proceso aumentou significativamente. Segundo datos do Goberno central, o 99,4% dos galegos afirma saber cales son as claves do novo sistema dixital, que xa utilizan o 92% dos cidadáns. Ademais, un 95% da poboación di adaptar as antenas das súas vivendas para recibir o sinal dixital, a menos dun mes do apagado analóxico.
Tamén se está completando o proceso de conversión das redes. Nesta segunda fase instaláronse 47 centros emisores de TDT na provincia de Pontevedra, que substitúen aos que existían ata agora, un número semellante aos que se están readaptando na de Lugo.
Fonte: La Voz de Galicia



