Abre en Hannover a feira CeBit, con España como país invitado
A feira da informática de Hannover, CeBit, inaugúrase hoxe coa presenza do presidente español José Luis Rodríguez Zapatero, xa que España é o país convidado desta edición. Cebit freou a caída de expositores que sofre desde hai anos. En total serán 4.157, un 3% menos que o ano pasado. Representan a máis de sesenta países.
Con todo, o seu tamaño ha ir decrecendo. En 2001, as cifras de visitantes foron máis do dobre que na edición do ano pasado. Para renovar a súa oferta, CeBit organizou áreas temáticas e presta maior atención ao consumo para facer fronte ás propostas de feiras competidoras como a das Vegas, que se celebra no principio do ano e que lidera os acontecementos deste tipo, ou a dedicada á telefonía móbil de Barcelona. A tecnoloxía 3D, a incorporación de intelixencia aos electrodomésticos, o aforro enerxético e as conexións veloces a Internet estarán moi presentes nunha feira que se abre baixo o lema de "Mundos interconectados". A educación en liña será outro dos temas atendidos pola feira e mañá, tanto o presidente español como a súa colega alemá, Angela Merkel, participarán nunha sesión escolar onde os alumnos traballan con estas tecnoloxías.
Entre os exhibidores estará Google co seu servizo Street View particularmente criticado polas autoridades alemás porque consideran que vulnera a privacidade dos cidadáns.
España contará cun pavillón institucional, a presenza de 11 comunidades autónomas e 86 empresas, explicou a Efe Fernando Pastor, director de comunicación do Instituto de Comercio Exterior (ICEX). CeBit elixiu a España como socio de honra "polo seu espectacular desenvolvemento nos últimos anos no ámbito da Sociedade da Información", comentou Pastor. España, segundo Pastor, duplicou en 10 anos as súas conexións de banda ancha ata alcanzar os 85 millóns. A administración electrónica, a telemedicina ou os efectos especiais serán algúns dos sectores nos que España mostrará a súa oferta. Con motivo da celebración do certame, a chanceler alemá advertiu esta fin de semana de que Internet "non é un espazo sen lei". Non se trata de limitar innecesariamente a liberdade de Internet, pero a xente debe ver garantida amplamente a súa seguridade xurídica, sinala a chanceler na súa habitual videomensaxe da fin de semana. Os usuarios da rede "non deben pór xenerosamente a disposición de calquera os seus propios datos persoais", advirte a líder cristianodemócrata, quen lembra que nas redes sociais é posible limitar o acceso ao perfil persoal. "Só podo aconsellar a todos que fagan uso diso. Existe unha gran diferenza entre que os amigos teñan acceso aos meus datos persoais nas redes sociais e que ferramentas buscadoras poidan acceder a ese tipo de datos", sinala Merkel.
Fonte: El País



