O 73% dos internautas españois forma parte dalgunha rede social

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 

O uso principal que fan destas redes é o das relacións de amizade (79,3%), seguidas polos hobbies (27%) e as relacións profesionais (23,6%).


Case tres cuartas partes dos internautas españois utilizan as redes sociais, entre as que Facebook e Tuenti son as máis populares, segundo recolle a XII Enquisa a Usuarios de Internet que elabora a Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación.


Este estudo, elaborado a partir de 36.000 enquisas a usuarios de Internet, sinala que case a metade dos internautas fai un uso cotián destas redes, cuxo uso principal é o das relacións de amizade (79,3%), seguidas polos hobbies (27%) e as relacións profesionais (23,6%).

Fronte a este dato, a enquisa detectou un descenso no uso de servizos de mensaxería instantánea como o MSN/Windows Live Messenger ou o Skype, que caeron 21 puntos nos últimos dous anos, xa que as actividades para as que se empregaban estes programas fanse agora a través das redes sociais.

En canto ao uso que fan os españois de Internet, a enquisa indica que os internautas a empregan sobre todo para realizar procuras (96%), ler noticias de actualidade (90%) e consultar mapas e rueiros (80%), ademais de para ver vídeos en liña (72%) e informarse sobre o tempo (70%).

Ademais, o 65% accede habitualmente a blogs.

A Rede converteuse, ademais, na principal fonte de información de actualidade para o 64,2% dos internautas, entre os que a versión electrónica dos diarios gaña adeptos, como tamén o fai a práctica de escoitar a radio e ver a televisión por Internet.

Outra tendencia detectada polo informe é que cada vez se accede máis a Internet a través de dispositivos móbiles, entre os que o preferido é o computador portátil (76%), cuxo uso creceu 16 puntos en dous anos, seguido polo teléfono móbil (33%).

Tamén o uso de conexións inalámbricas (wi-fi) comeza a xeneralizarse (72%), do mesmo xeito que a elección de velocidades de acceso cada vez maiores: o 56% dos internautas conta con conexións superiores a 6 megas.

O navegador máis utilizado segue sendo a Internet Explorer (Microsoft), aínda que o seu uso descendeu un dez por cento no último ano en favor do Mozilla Firefox, que xa emprega máis dun terzo dos internautas, mentres o Google Chrome (7%) empeza a facerse visible.

A cuestión relacionada con Internet que máis preocupa aos seus usuarios deixou de ser o exceso de publicidade e é agora a velocidade de conexión, que dúas terceiras partes dos internautas consideran aínda demasiado lenta.

Os virus informáticos preocupan menos aos usuarios, dos que o 40% emprega algún tipo de filtro de contidos para nenos.

Ademais, un 42% dos internautas posúe o certificado dixital de firma electrónica e unha cuarta parte utilizouno no último mes.

Como novidade, a Enquisa a Usuarios de Internet inclúe nesta edición un apartado dedicado á economía na rede, onde case un 30% dos internautas efectuou compras nalgunha ocasión e o 75% ten algún tipo de relación cos bancos.

A tarxeta de crédito é o medio de pago preferido por máis usuarios, case o 80%, aínda que as plataformas de pago como Paypal van gañando terreo en detrimento de medios tradicionais como a transferencia bancaria ou o contra-reembolso.

Billetes de transporte, aloxamento, entradas para espectáculos e material informático e electrónico son os artigos que máis compran os españois por Internet.

 

Fonte: La Voz de Galicia