Malia ser un dos sectores que máis viña resistindo os golpes da crise produtiva mundial, e mesmo medrando a forza de resistir, pódese dicir que nin sequera o eido dixital pode ficar á marxe dun proceso que a fin de contas é unha adaptación aos labores humanos dos sistemas de equilibrio natural: o que lle afecta a unhas especies, aféctalle á larga a todo o ecosistema. Así o reflicte o Informe ASIMELEC 2009 e así nolo fai saber a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), unha das plataformas que máis veñen loitando a nivel estatal por promover a coordinación empresarial de esforzos de cara a superar o que xa estamos a vivir: o estreitamento de posibilidades de medre (disto, de afianzar alianzas na nosa terra, é do que trata o Clúster TIC que chega o 11 de febreiro á súa nova asemblea xeral e que conta co firme apoio de AGESTIC).
Segundo fai saber a asociación galega, é certo que a crise tardou chegar, pero non hai dúbida xa de que chegou, e non por esta tardanza está a ser menos virulenta, di o presidente da plataforma empresarial, José María López Bourio, quen lle solicita á Xunta medidas para a reactivación do sector galego, ao que cualifica de “motor do cambio do modelo económico”.
Os sinais, apunta, son máis que inequívocos: as previsións económicas que esta asociación tiña para 2009 foron cara a baixo, “xa que o mercado non respondeu de maneira axeitada e en Galicia comeza tamén a percibirse a crise no sector das TIC”. Segundo datos achegados pola industria, o sector a nivel estatal pecha 2009 cunha caída global do 8%, que nalgúns subsectores como o do subministro de equipos acada o 20%, o que se debe principalmente a tres grandes motivos, a xuízo de ASIMELEC:
· Os recortes orzamentarios das administracións públicas.
· A baixada no investimento das empresas nestas tecnoloxías.
· A caída no consumo privado.
Estes e outros factores, sinala AGESTIC, non deixan moita marxe para o optimismo de cara ao presente e o futuro próximo, tendo en conta onde remataron as previsións empresariais de hai un ano, cando non se albergaban apenas dúbidas da capacidade de resistencia e medre do sector TIC, e todo isto no máis cru dunha crise económica xeral. “Agora a crise vense de transformar nunha fonda preocupación paras empresas TIC galegas”, sinala Bourio, ao que engade, facendo referencia ao que está por vir: “O ano que comeza ten tamén un cariz crítico, calculándose dentro das previsións máis optimistas unha perda de negocio do 2,5% para o tecido produtivo tecnolóxico-dixital este ano en España, taxa tamén aplicable para Galicia”.
Por estes motivos, para AGESTIC é hora de que a Xunta actúe, fomentando o desenvolvemento da Sociedade da Información e tódolos seus elementos integrantes, os piares da mellora futura da produtividade, a innovación, a calidade de vida e mesmo o alicerce do desenvolvemento dun modelo económico sostible. “Sen un sector TIC forte é complicado que avancemos cara ao cambio de modelo económico que precisamos”, apunta José Manuel Bourio, que tamén reclama o esforzo das restantes administracións, a Central e máis as locais, para acometer todo tipo de accións urxentes para que a nosa economía poida verse beneficiada polas vantaxes das TIC.
Fonte: Código Cero