Nova responsábel de toda a política tecnolóxica

Atención, ábrese nunha nova fiestra. PDFImprimirCorreo-e

 
Competencias como internet ou innovación dependerán exclusivamente dun único departamento subordinado a Feijóo. A cabeza desta nova secretaría xeral será María del Mar Pereira.
 
O Consello da Xunta nomeou esta mañá a nova responsábel da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María del Mar Pereira. Cómpre lembrar que o programa electoral do PP apostaba por centralizar nun único departamento toda a política tecnolóxica da Xunta (internet, innovación, etc.).
Co nomeamento estas áreas pasan a depender indirectamente do propio presidente, Alberto Núñez Feijóo; que tamén reservou para a Presidencia outras competencias como deportes.

María del Mar Pereira Álvarez naceu en 1967 e é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Cursou o master de Economía e Xestión da Saúde na USC e obtivo o diploma de directivo da Xunta no Programa de Dirección Innovadora.

Dende febreiro de 2005 era subdirectora xeral de Información e Servizos Tecnolóxicos na Consellería de Sanidade da Xunta. Conta cunha praza de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde na categoría de Técnico Superior de Sistemas e Tecnoloxías da Información, dende xuño de 1999.