Visita
  Comezaron as visitas estudantís á  Fundación CEL

     Teñen a materia de Economía no temario e no centro no que estudan programaron o seu achegamento ata este viveiro, no que se están xestando actualmente dezasete empresas e do que xa saíron trinta e oito, para mostrarlles como e onde se poden convertir ideas innovadoras en negocios rendibles con apoio técnico especializado. Os alumnos de primeiro de Bac do Instituto de Ensino Secundario de Melide estiveron aquí hoxe, ben entrada a mañá, para falar co coordinador da Fundación CEL, Rodolfo Ojea, e cos nosos emprendedores.

     Con eles, os rapaces puideron informarse dos distintos tipos de actividades económicas que levan a cabo as firmas que formaron e que forman parte desta infraestrutura empresarial.

     Empresas invitadas

     Como é habitual, invitamos a representantes de empresas que se crearon no viveiro para que lles desen a coñecer aos estudantes o seu caso. Dado que os máis novos están moi interesados en Internet e nas redes sociais, contamos coa participación de Rodolfo Alonso Albella, socio director de Pleiteando.com, quen lles explicou o modo de introducirse no mercado cunha rede social especializada no ámbito legal.

     Á súa intervención seguiu a de Ignacio Crecente, xerente de Alenti Soluciones para Eventos. O seu interese por montar unha empresa dedicada á organización de eventos derivou do oco laboral que, traballando, el e os seus compañeiros albiscaron na organización e xestión de actos de distinta índole: artísticos, culturais, feirais, etc.