|
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), dirixido por Xulio Ríos, presentou o seu primeiro informe reflexivo anual sobre a acción exterior de Galicia “IGADI WW - We in the World 2010: Nós no Mundo”, co título de A acción exterior na axenda galega.
O devandito informe é unha selección multidisciplinar de once artigos, na que podemos atopar análise sobre a potencialidade do Consello de Acción Exterior ou da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal; a relación de novos principios para a política de internacionalización empresarial e a de retos para Galicia ante a política pesqueira común da Unión Europea; ou, por exemplo, reflexións acerca de posibilidades que non están a ser aproveitadas, como a creación dunha delegación da Xunta en Lisboa ou a emerxencia do Brasil.
|