|
“Os protagonistas do cambio tranquilo dunha economía emerxente como a galega integran (compoñen) unha galería […] que non aspira a ser unha foto fixa do quen é quen nas empresas, senón un lenzo sobre o que se debuxa o poder económico que representan as grandes fortunas levantadas en Galicia nos últimos trinta anos e as sagas que as integran”.
O que se esconde detrás do pano cóntanolo o xornalista coruñés especializado en economía Julián Rodríguez Moscoso en Señores de Galicia (La Esfera dos Libros, 2008), prologado polo tamén xornalista Alfonso S. Palomares.
Están os coñecidos (Manuel Jove, Rosalía Mera, Chico Recarey, Amancio Ortega, José Alberto Barreras, Luis Fernández Somoza…) e os máis descoñecidos (Isabel Castelo, José Castro Sousa, Antonio Pérez, Saturnino Cuquejo…) e non só atopamos os seus nomes e apelidos e o seu patrimonio senón tamén unha explicación de como forxaron os seus imperios, onde invisten o seu diñeiro, cales foron as súas operacións (tamén as frustradas) ou de que dinastía proceden e en que se converteu.
|