|
Reinventando o turismo rural |
|
|
|
|
Arturo Crosby é experto internacional en formación e consultoría turística en áreas rurais e naturais. Fixo un seguimento do turismo rural a través do seu traballo e as súas numerosas publicacións especializadas e cre que non se conseguiron os obxectivos marcados de rendibilidade económica-financeira dos pequenos negocios, que o modelo funcionou máis conxunturalmente que estruturalmente e que hai que reconducir a evolución da oferta.
O turista é un consumidor que cando está satisfeito e entretido está motivado para comprar aquilo que responda ás súas expectativas e se lle ofreza axeitadamente e, en cambio, non se están a xerar os ingresos turísticos esperados.
¿Que propón Crosby? Reformular os sistemas de comercialización e promoción actuais, dirixíndoos cara ás TIC; deseñar plans que permitan prolongar a estadía do turista e mellorar o seu nivel de gasto na zona, por exemplo, botando man de redes de valor como os Programas de Animación Turística Rural; fomentar a cooperación intrasectorial; captar demanda cativa; etc.
Esta teoría e a súa práctica correspondente acaban de ver a luz no libro Reinventando el turismo rural. Gestión y desarrollo (Laertes, 2009). Tamén poden lerse as súas opinións sobre o tema no blog que mantén na web da ONG Forum Internacional Natura (www.forumnatura.org).
|