|
No que vai de ano saíron á luz varios libros especializados na responsabilidade social empresarial, entre eles dous moi completos cun enfoque diferente para poñerse ao día nesta materia.
La empresa ciudadana como empresa responsable y sostenible, do profesor Josep M. Lozano Soler, é unha crónica do diálogo que houbo en España nos últimos tempos en canto ao desenvolvemento da axenda de RSE, os seus avances e a diseminación de modelos de xestión. Xa no seu día o autor realizou un achegamento a este debate en Tras la RSE: La Responsabilidad Social de la empresa en España vista por sus actores.
Outra óptica achega a Universidade de Deusto, que, baixo a coordinación de José María Guibert Ucín, edita os resultados de dous anos de investigación en Responsabilidad social empresarial: competitividad y casos de buenas prácticas en pymes. Consta de dúas partes, a primeira composta por tres estudos, un introdutorio sobre a relación entre RSE e competitividade, outro centrado na RSE interna e o terceiro sobre as pemes. A segunda parte é máis exemplificativa, coa exposición da experiencia de catro pemes de distintos sectores económicos (Betapack, Engranajes Juaristi, Frutas Dioni e Papelería Tamayo) que teñen unha traxectoria propia en actividades de RSE.
|