Advertisement

Inicio
Quen somos
Premios
Viveiro de empresas
Emprendedores
I+D+i
Novas tecnoloxías
Formación
Publicacións
Sala de prensa
Contactar
.
Advertisement
Advertisement

 
Inicio
Lugo en Cifras 2008 PDF Imprimir Correo-e
 Tempo de cifras 

     O presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, e o director comercial de Caixanova en Galicia, Gabriel González Eiroa, presentaron a cuarta edición da colección de anuarios estadísticos Lugo en cifras. Coa edición impresa, que xa é unha cabeceira clásica aquí, maila edición dixital lugoencifras.es, lanzada o ano pasado para chegar a máis destinatarios e actualizar os datos con maior frecuencia, a Fundación actúa a modo de observatorio empresarial lucense para ofrecerlles aos emprendedores e aos empresarios información, en números, sobre o que pasou e está a pasar no eido da empresa e noutros sectores relacionados.

     García Santalla remarcou a importancia destas dúas ferramentas, neste contexto de empeoramento da economía, para adquirir unha visión do “antes” e o “despois” das cifras e poder analizar as tendencias e o grao de desenvolvemento das distintas zonas da provincia nas que nacerán novos negocios ou se ampliarán os existentes.

     Novidades de contido e forma. Desta volta, introducíronse novidades de contido, en adaptación a problemáticas e áreas de interese crecente, e de forma, para facilitar a súa lectura.

     No libro engadíronse os indicadores sobre a estruturación do sector gandeiro, a evolución da agricultura ecolóxica, os efectos dos incendios forestais, os niveis de educación e benestar e os usos dos residuos urbanos. Ademais, estreouse deseño e edición a cargo da axencia de comunicación Transmedia, unha empresa que se montou do viveiro da Fundación no ano 2004 e que cinco anos despois, independizada do noso programa, se encontra a pleno rendemento.

     Da páxina web cambiouse o formato, máis vistoso e lexible agora, e habilitáronse dous servizos novos: o apartado de noticias, coa selección das máis relevantes referidas ao ámbito socioeconómico e laboral de Lugo, e a opción de descargar en PDF todos os volumes que conforman esta colección.

     Sobre os datos. No transcurso da presentación, o presidente da Fundación ofreceu un pequeno adianto da información de Lugo en cifras, que se extrae dunha trintena de fontes oficiais e se expón coas correspondentes variacións respecto de periodos anteriores e as comparativas autonómicas e nacionais, co obxecto de que sirva de orientación nas intervencións que haxa que realizar na arquitectura empresarial.

     Fixo, por exemplo, algúns apuntamentos sobre a creación e o peche de empresas na provincia. O descenso na constitución de sociedades limitadas respecto do 2007 foi mínimo (de 683 a 682) e o aumento das sociedades disoltas tampouco resultou significativo (de 109 a 111). Non obstante, indicou que comparando os datos do primeiro trimestre de 2008 cos do primeiro trimestre do 2009 xa se aprecia unha diferencia importante, cunha baixada do 66% na creación de empresas (411 empresas creadas no primeiro caso, 140 no segundo) e un aumento de case o 19% nas disolucións (de 53 a 63). O número de disolucións rexistrou incluso unha tendencia negativa máis acusada nos últimos meses; comparando o primeiro trimestre de 2009 co último trimestre de 2008, a suba é do 110% nas empresas disoltas. Esa mesma comparativa en canto a empresas creadas, comentou, mostra unha tendencia positiva a nivel nacional cun incremento do 6%, mentres que en Galicia segue a tendencia á baixa (descenso do 3,6%) e en Lugo non houbo variación (creación de 140 sociedades limitadas en ambos trimestres).

     Así mesmo, resaltou o retrato máis polo miúdo que se incluíu este ano do subsector gandeiro debido ao seu peso na economía provincial, co número de explotacións e o tipo, a orientación produtiva, a análise do gando, a cota láctea nas campañas de 2002 a 2007, etc. Non en van, as estadísticas da Consellería do Medio Rural para o 2007 sitúan a Lugo como a provincia con máis explotacións gandeiras, representando case o 40% do total galego; ademais, con fonte no Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, achégase á metade das cabezas de gando, que supuxeron practicamente o 50% de Galicia tanto no 2007 coma no 2008.

     Relativo ao agro contemplouse, tamén a maiores neste volume, a evolución da agricultura ecolóxica e a súa distribución por provincias. Na de Lugo ascendeu a 4.482 hectáreas en 2007, o que representa o 40% do total de Galicia e a coloca como a segunda provincia galega nestes termos, a pouca distancia de Ourense (48%).

     Co gran número de desempregados rexistrados na actualidade, García Santalla quixo por último deterse no capítulo dedicado ao mercado laboral para revisar a progresión da taxa de paro en Lugo, que se incrementou pasando do 5,81% en 2007 ao 6,21% en 2008 (ou sexa, había 8.600 desempregados en 2007 e subiu en 950 desempregados máis). O maior salto, non obstante, advírtese nos datos feitos públicos polo INE do primeiro trimestre de 2009, onde a taxa xa é do 8,9% e as persoas desempregadas, 13.600; de todos modos, é unha taxa inferior á nacional (17,36%) e á autonómica (12,22%). No tocante ás contratacións, houbo menos contratos iniciais xa de 2006 a 2007 e novamente de 2007 a 2008, neste último caso cun descenso do 4%; destos últimos, a maioría correspóndense con contratos eventuais por circunstancias da produción e por obra ou servizo.

 
     Renovación do convenio. Ao inicio do acto tivo lugar a firma do protocolo de colaboración entre Caixanova e a Fundación CEL, correspondente ao ano 2009, en apoio ao fomento do emprego e á investigación e a innovación. 

    Grazas a este convenio, Caixanova, a través da súa Obra Social, colabora coa Fundación en diferentes iniciativas, como é o caso precisamente da elaboración e a divulgación de Lugo en cifras, así como do viveiro de empresas e da convocatoria dos Premios Anuais, sendo Caixanova entidade patrocinadora do Premio a proxectos de investigación e innovación aplicada á empresa, que ten como obxectivo incentivar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación aplicables á empresa como elementos fundamentais para a creación e mantemento dunha vantaxe competitiva para as empresas que lles posibilite unha mellor posición no mercado.
  

 
© 2010 Fundación CEL - Iniciativas por Lugo CIF - G27213206
Joomla! es Software Libre distribuido bajo licencia GNU/GPL.