|
Para constituír unha sociedade mercantil é preciso redactar os estatutos e formalizar a escritura de constitución, que terá que ser asinada ante notario por todos os socios fundadores. Esta deberá outorgarse no prazo de dous meses posteriores á obtención da certificación negativa da denominación da sociedade, transcorridos os cales caducaría e deberá ser renovada. Os estatutos conterán as regras de funcionamento da sociedade e é aconsellable que os redacte un especialista en dereito. En xeral, a documentación que os socios fundadores deben presentar ante notario son: a certificación negativa da denominación da sociedade; DNI e NIF de todos os socios fundadores, certificado bancario que acredite o ingreso do importe do capital social (achegas monetarias), os estatutos da sociedade e os datos da sociedade (achegas non monetarias, domicilio da empresa, administradores, etc). Ademais, no suposto de que algún dos socios sexa unha empresa xurídica, deberanse presentar os poderes do representante da entidade que vaia ser socia.
|