|

Entre as iniciativas postas en marcha pola Fundación CEL co obxectivo de facilitar a creación e a consolidación de novas empresas en Lugo atópase o viveiro de empresas, un instrumento de apoio aos proxectos empresariais xerados na provincia. A través deste viveiro, póñense a disposición dos usuarios espazos físicos para a localización de calquera proxecto viable. Ademais, ofrécese un conxunto de servizos deseñados para facer posible que as ideas innovadoras poidan converterse en empresas solventes e con garantías de supervivencia. Os proxectos empresariais integrados no viveiro de empresas reciben asesoramento nos trámites de creación da empresa, en materia fiscal, laboral, mercantil, etc., e o asesoramento necesario para elaborar un plan de empresa, o que permite a inmediata posta en marcha da actividade. Todo a través dun equipo técnico multidisciplinar dedicado en exclusiva ao programa. As instalacións do viveiro de empresas atópanse na ala dereita do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e ocupan dúas plantas. A primeira delas acolle a recepción, a xerencia do viveiro, unha sala de xuntas, unha sala polivalente, a mediateca e seis módulos de oficinas (viveiros). Na segunda planta sitúanse unha aula de formación e outros dezaseis módulos de oficinas. En total son 22 viveiros dotados de todos os medios materiais necesarios para poñer en marcha unha empresa: mobiliario de oficina e conexión telefónica e á rede. É un espazo físico deseñado especialmente para acoller empresas de nova creación e no que os emprendedores disporán dunhas instalacións e uns servizos a prezos moi asequibles. |